G.E.A.S.

Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes
Augadana

Efectos de dous tipos de vías de comunicación sobre a fauna silvestre

Introducción

A fragmentación dos hábitats naturais é un dos principais factores causantes de perda e diversidade biolóxica en Europa. Na paisaxe distínguense diversos axentes causantes de fragmentación, como as áreas urbanizadas, a agricultura, a deforestación, etc., aínda que o efecto barreira que exercen as infraestruturas lineais de transporte (estradas, ferrocarrís e canles navegables) adquire unha importancia crecente nos países con maior desenvolvemento urbanístico (Ministerio de medio Ambiente 2006, Rosell et al. 2002).

Os principais efectos que as infraestruturas de transporte exercen sobre as poboacións de fauna silvestre pódense agrupar en cinco categorías:

  1. Perda de hábitat. Consiste na perda directa de superficies dos hábitats afectados pola construción da vía de transporte e as súas marxes.

  2. Efecto barreira. Este efecto baséase na dificultade que teñen os animais para cruzar a superficie da vía

  3. Mortalidade por atropelo, colisión con vehículos ou outras causas. Consiste na morte dos animais que tentan cruzar a vía e perecen debido á colisión cos vehículos ou a que son atropelados por estes.

  4. Perturbacións. Os ambientes asociados ás vías de transporte son zonas fortemente alteradas (contaminantes xerados polo tráfico, sales, incremento dos niveis sonoros, aumento da iluminación, etc.).

  5. Funcións ecolóxicas das marxes. As marxes destas infraestruturas adquiren unhas función ecolóxicas determinadas pasando a converterse en hábitats en si mesmos para algunhas especies e actuando como corredor de dispersión de especies.

Este proxecto centrarase basicamente na mortalidade por atropelos ou colisións. A mortalidade por atropelo ou a colisión con vehículos é un dos efectos máis notorios que xeran as vías de transporte. As colisións e atropelos afectan a un amplo número de especies, desde aves e morcegos, até grandes mamíferos, xerando notables efectos nas poboacións de anfibios (ras, sapos, píntegas, etc.) ou réptiles que tentan cruzar as calzadas. Outras causas de mortalidade asociadas ás infraestruturas de transporte son as trampas que comportan elementos como arquetas ou pozos, nos que quedan atrapados moitos animais, ou cunetas de paredes verticais, que constitúen barreiras para animais de reducido tamaño, que lles impiden acceder aos hábitats adxacentes unha vez conseguiron cruzar as calzadas (Ministerio de medio Ambiente 2006, Rosell et al 2002, De Nóvoa et al 2005).

Estes efectos deben ser mitigados establecendo medidas que eviten o acceso á estrada aos animais, así como estruturas que faciliten a súa saída unha vez estean dentro. Poden atoparse diferentes sistemas que facilitan as conexións para o paso de fauna e que se poden agrupar en pasos elevados e pasos inferiores, ademais das doutras destinadas a aumentar a seguridade e reducir a mortalidade da fauna (valados perimetrais, sistemas de escape nos valados perimetrais, manexo da vexetación dos marxes, adaptación das infraestruturas, etc.). O bo estado destas infraestruturas debe manterse para que cumpran permanentemente o seu obxectivo.

Obxectivos

  1. Identificar aquelas especies e grupos de fauna máis afectadas polos atropelos e colisións.

  2. Comprobar si existe unha variación estacional no número de atropelos, tanto a nivel global como a nivel específico.

  3. Coñecer puntos negros, é dicir, zonas de paso de animais onde se producen a maioría dos atropelos.

  4. Influencia do entorno. E de supoñer que en zonas de hábitat natural se produzan maior número de atropelos de especies salvaxes.

  5. Comprobar se as incorporacións nos corredores rápidos, autoestradas e autovías son zonas permeables ós animais.

  6. Examinar a influencia do trazado das vías no número de atropelos.

  7. Avaliar a eficiencia das medidas mitigadoras do efecto barreira destas infraestruturas sobre a fauna.

  8. Comparar as taxas de mortalidade en dous tipos de vías diferentes.

  9. Comparar as taxas de mortalidade entre dúas autovías de distinto período de creación.

Metodoloxía

A metodoloxía de traballo consistirá na revisión mensual de dous tipos de vías de comunicación, autovías e estradas nacionais. Seleccionáronse dous tramos de cada un dos tipos de infraestruturas que discorren de forma máis ou menos paralela para poder comparar os efectos de cada un delas sobre a fauna. Deste xeito seleccionáronse un total de catro vías de comunicación:

  1. A autovía A54 dende Santiago de Compostela ata a estrada N547

  2. A estrada N634a dende Santiago de Compostela ata a estrada N547

  3. A autovía AG56 dende Santiago de Compostela ata o Lugar de Gundín

  4. A estrada AC543 dende Santiago de Compostela ata o Lugar de Gundín

Seleccionáronse estes viais pola súa proximidade entre eles e pola diferente antigüidade das autovías, o que supón a presenza de distintas medidas de mitigación, distinto estado de conservación das mesmas, etc. Así mesmo, a lonxitude de cada unha das infraestruturas é similar, roldando os 15 km cada unha delas.

Durante o período de estudo recorrerase mensualmente cada un dos viais en cada unhas das direccións para a procura de colisións e atropelos. En cada unha das vistas se cubrirá unha ficha onde se recollerán unha serie de parámetros que nos permitirán analizar a incidencia dos viais sobre a funa (observadores, nome do tramo, data, horas de inicio e fin, posición UTM de inicio e fin, época do ano, nº de vehículos en circulación, climatoloxía do día previo, climatoloxía do día de mostraxe, especie detectada, estado do corpo (fresco, de poucos días, unha semana, etc.), tramo de vía (recta, curva, incorporación, saída, etc.), vexetación nas marxes (dereita e esquerda), presenza de valados ou quitamedos, tipo de topografía, etc.) (Ballester 2008, De Nóvoa et al 2005). O equipo de traballo estará formado por un mínimo de dúas persoas (condutor e observador).

Deseñarase unha secuencia para o programa CyberTracker 3.165 (BETA) que nos permitirá a toma de datos en PDA no momento de facer o seguimento, facilitando o posterior análise dos datos. O uso desta ferramenta nos dará os datos do percorrido realizado e de cada unha das localizacións. Esta información será posteriormente analizada con Sistemas de Información Xeográfica (SIX), que permitirán relacionar a información obtida con outras capas de información (usos do solo, distancia a manchas de bosque, distancia a cursos de auga, etc.), podendo analizar os aspectos ecolóxicos relacionados coa existencia de atropelos.

Paralelamente e de forma previa realizarase un seguimento das vías para avaliar o tipo e estado de pasos de fauna e dos valados perimetrais. Isto permitirá avaliar o grado de permeabilidade de cada un dos viais para a fauna e a súa efectividade en canto a evitar os danos na mesma por atropelos ou colisións. Durante esta revisión tomaranse datos de cada tipo de paso existente (de existir), o uso da fauna dos mesmos, o estado dos valados perimetrais, etc. Fotografaranse os distintos tipos de estruturas existentes e localizaranse os tramos deteriorados ou susceptibles de ser permeables.

Para complementar a información obtida solicitaranse ás autoridades competentes os datos referentes aos incidentes de tráfico con fauna nas zonas seleccionadas, así como a outras posibles fontes de información (servizos de mantemento das autoestradas, outras asociacións, etc.).

Situación do proxecto

Este proxecto comezará a desenvolverse ao longo do ano 2009. Se queredes máis información sobre o mesmo escribídenos ao correo geasmail@yahoo.es, ou ben apuntádevos ano noso foro, onde se irá avisando da evolución deste proxecto.