G.E.A.S.

Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes
Augadana

Seguimento das poboacións de carnívoros medianos

Introdución

Os mamíferos carnívoros son un dos grupos animais máis descoñecidos da fauna Galega, a pesar de que son fundamentais para manter o equilibrio dos ecosistemas; xa que exercen un importante control sobre especies de roedores moitas veces prexudiciais para o home.

O primeiro que se debe coñecer dunha especie e a súa área de distribución, tanto xeograficamente como en canto ó hábitat; o que seguidamente nos permitirá avaliar a súa situación poboacional.

Dende o ano 2006 estase a levar a cabo este proxecto, realizando o seguimento estacional das poboacións de carnívoros en varias localidades do concello de Rois. Dado que este estudo se proxectou inicialmente como un estudio durante catro anos, durante o presente ano se están a realizar varios mostreos.

Figura 2: Vista xeral da área de estudo. 
 

Área de estudo

Elixiuse a localidade coruñesa de Rois, para realizar este traballo. A estrutura da paisaxe e a típica das comarcas galegas na provincia de A Coruña, presentándose como un mosaico agrosilvopastoral (Figura 1).

Obxectivos

  1. Avaliar a situación dos carnívoros medianos nalgunhas localidades de Galicia. Tentando observar si existen variacións estacionais.

  2. Avaliar que método de censo de carnívoros e máis efectivo.

  3. Empregar a información obtida para a elaboración de mapas de distribución,  mediante o uso de Sistemas de Información Xeográfica.

Metodoloxía

Unha das causas de que este grupo sexa tan descoñecido, é a dificultade que plantexa o seu estudo, xa que os hábitos nocturnos destes animais xunto co seu carácter esquivo, fan moi difícil a súa detección, a diferenza doutras especies, como as aves ou os grandes herbívoros, a utilización de métodos de censo directos resulta moi custosa e pouco efectiva, polo que débense empregar outros métodos chamados indirectos,xa que non se fundamentan na observación directa das especies.

Para este estudo seleccionamos tres destes métodos:

Seguimento de indicios en transectos lineais

  • Seleccionar camiños, sendas, pistas,… de 1 km de lonxitude.

  • Seleccionaranse polo menos 3 itinerarios por área de traballo.

    • Buscarase que os grupos estean o máis distribuídos ó longo do territorio.

    • Camiños seleccionados estarán distribuídos polos hábitats máis diversos.

  • 8 visitas anuais, 2 por estación:

    • Na primeira visita de cada estación limparanse tódolos excrementos atopados no itinerario.

    • A segunda visita realizarase entre 7 – 15 días despois da primeira, pero esta vez contaranse tódolos excrementos localizados ó longo do camiño.

  • Cubrirase unha ficha por itinerario de censo:

    • Nome mostrador

    • UTM 5X5

    • Municipio, Paraxe,

    • Data

    • Coordenada inicio - fin

    • Tipo de camiño

    • Uso de camiño

    • Uso do solo

    • Matricula TECOR/ Tipo de Caza

    • Días dende a limpeza do camiño

    • Días dende a última choiva.

Ó longo do camiño iremos cubrindo a ficha de datos cada 200 m: nº excrementos e pegadas de cada unha das especies detectadas de mamíferos carnívoros;. tamén se tomarán datos sobre a presenza doutros mamíferos, así mesmo apuntarase a presenza/ausencia de gando e o tipo deste. Do mesmo modo, anotaranse os carácteres do hábitat circundante, altitude ademais da largura do camiño. Os transectos que se empregarán serán os mesmos definidos na campaña anterior co fin de poder comparar de forma axeitada as variacións estacionais e anuais nas poboacións dos carnívoros.

Como elemento innovador, durante esta e futuras campañas procederase a empregar un sistema informático de recollida dos datos. Mediante o uso de PDA’s provistas de sistema GPS, ven integrado ou de tipo externo, procederase á toma dos datos mediante o uso do programa CyberTracker desenvolto por Justin Steventon e Louis Liebenberg. Deste modo facilitarase a recollida de datos.

Trampeo de pegadas ("Track-plates")

Naquelas zonas onde a cobertura vexetal dificulte o seguimento de indicios, empregaremos outro método para detectar as especies motivo de estudo.
As trampas de pegadas ou "Track - plates", non son máis que un túnel de PVC onde se introduce unha prancha metálica tinguida con cinza. No extremo colocaremos un cebo, e finalmente colocarase unha capa de papel adhesivo de cor branca para que os animais deixen impresas as súas pegadas para a súa posterior determinación.
Figura 2: Detalle de "Track- plates".  

Trampeo fotográfico

Como último método complementario ós anteriores e tentando confirmar a presenza de especies dubidosas, instalaranse cámaras fotográficas en zonas de posible paso para estas especies. Estas cámaras están provistas de disparador automático mediante a activación dun sensor de movemento. Nas pasadas campañas empregouse esta metodoloxía de forma paralela á de búsqueda de indicios, téndose observado a necesidade de aumentar o esforzo de mostreo. Durante esta fase procederase a colocar dúas cámaras de fototrampeo por cada transecto de indicios co fin de estudar a efectividade de detección dos dous métodos. Na actualidade a nosa asociación conta con dúas cámaras fotográficas con sensor.
Figura 3: Cámara instalada no área de estudo.  

Situación do proxecto

O proxecto está actualmente en funcionamento. Podedes solicitar máis información escribindo a geasmail@yahoo.es, ou ben apuntádevos ano noso foro, onde se irá avisando da evolución deste proxecto.

Resultados da campaña 2006 - 2007

Seguimento de indicios en transeptos lineais

Realizáronse 3 itinerarios de 1 km de lonxitude, distribuídos por tódolos hábitats presentes dentro do área de estudo. Cada itinerario visitouse dúas veces por estación (agás na primavera que solo se fixo unha visita), concluíndo un total de 23 itinerarios, obténdose 50 contactos de mamíferos carnívoros.
Tamén obsérvanse variacións estacionais, tanto no número de contactos como na riqueza específica, resultando o outono e o verán como as estacións con maior número de contactos e variedade de especies. (Figura 5)   Foron detectadas un total de 6 especies de carnívoros medianos: raposo (Vulpes vulpes), fuíña (Martes foina), algaria (Genetta genetta), gato bravo (Felis silvestris), lobo (Canis lupus) e teixugo (Meles meles).     Como se observa na figura 6, raposo, fuíña e teixugo, resultaron ser as especies mellor distribuídas ocorrendo nos 3 itinerarios. Este dato demostra o carácter xeralista destas especies xa que ocupan tódolos hábitats presentes dentro do área de estudo. Por outra banda o gato bravo e lobo, resultaron ser máis selectivos en canto ó hábitat ocorrendo en 2 e 1 dos itinerarios respectivamente.
Na figura 7 obsérvase como as especies máis abundantes, foron o raposo e fuíña co 44 e 20 % dos contactos, respectivamente.

 

Figura 4: Distribución dos contactos e da abundancia de especie nos tres transeptos realizados.

  

Figura 5: Distribución estacional dos contactos e da riqueza específica para os 3 transeptos.

 

Figura 6: Número de contactos totais, e distribuídos por transeptos para cada especie.

 

Figura 7: Porcentaxe de ocorrencia de cada especie ó longo do período de estudo.

Trampeo fotográfico

Instaláronse 2 cámaras, na parroquia de Vilariño no concello de Rois. Estas cámaras estiveron activas dende outubro de 2006, e eran revisadas semanalmente.   Empregando este método confirmouse a presenza de raposo (Vulpes vulpes) e teixugo (Meles meles). Estas dúas especies,  xa foron detectadas polo seguimento de indicios dentro do área de estudo (Figura 8).

Figura 8: Fotografías das dúas especies localizadas polo método de foto-trampeo.(Raposo á dereita e parella de teixugos na foto da esquerda).

Trampeo de pegadas ("Track- plates")

Instaláronse 4 destes dispositivos e obtivéronse tan só pegadas de cans (Canis familiaris), pero non se detectou ningunha especie silvestre.