G.E.A.S.

Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes
Augadana

Estudo da alimentación da curuxa (Tyto alba) mediante análise de egagrópilas en dúas localidades de Galicia

Introducción

A sociedade actual está cada vez máis concienciada coa conservación do medio natural no que vive, moitas veces isto débese ás consecuencias derivadas de grandes desastres ecolóxicos (Ex. Incendios forestais, Prestige, etc.), e esquecéndonos moitas veces de que a conservación da biodiversidade e unha tarefa que podemos facer a diario, e no noso propio entorno.

Con este estudio pretendemos facernos unha idea da estrutura da alimentación da curuxa (Tyto alba), así coma da distribución das súas presas. Tamén pretendemos facer énfase na importancia desta ave no control das poboacións de roedores, especies tan molestas e prexudiciais para os intereses humanos.

As aves rapaces (tamén outras aves: córvidos, láridos, etc.) non evacúan a totalidade dos seus restos de comida non dixerida por feces, senón que estes restos comprímense formando masas compactas, que son expulsadas pola boca mediante contraccións. Estas bolas, son as egagrópilas, e adoitan conter os ósos, unllas, picos ou dentes de aves, mamíferos, réptiles, anfibios e peixes, restos de insectos, ata restos identificables de vermes e outros invertebrados. Estes restos duros soen estar recubertos doutras sustancias máis brandas, como poden ser pelos, pel de mamíferos, plumas, escamas,etc. incluso fibras vexetais. Por esta razón as egagrópilas empréganse dende fai moitos anos para analizar o contido da dieta das rapaces (Mikkola, 1995), e derivado desto a distribución das presas atopadas nestas (Delany, 1981).

Eliximos como zonas de mostraxe varios pousadoiros localizados ao longo da nosa comunidade, tentando que estiveran situados en áreas bioclimáticas sensiblemente diferentes, establecendo así, as posibles diferenzas de dieta e distribución de presas tendo en conta o clima.

O coñecemento da alimentación da curuxa, así como o seu factor como controlador biolóxico de pragas, pode ser fundamental para establecer programas de xestión e conservación desta especie, e das súas presas.

Obxectivos

  1. Analizar variación de dieta da curuxa, tanto entre as diferentes áreas como tamén ao longo do ano.

  2. Inventario e distribución aproximada das presas.

  3. Avaliar a relación entre as presas capturadas e as presas dispoñibles.

  4. Delimitación dos mellores hábitats para a especie, e aqueles onde exista unha maior diversidade de presas.

  5. Aproximación tanto ós membros de G.E.A.S., a outros sectores sociais como escolares, das características desta especie e do seu modo de alimentación.

  6. Maior coñecemento sobre a biodiversidade de Galicia.

Metodoloxía

Recolección de mostras

Decidimos buscar egagrópilas en lugares susceptibles de ser pousadeiro para rapaces nocturnas, postes de valados, cables de teléfono, atalaias, casas abandonadas, campanarios, etc. Nas dúas localidades que se mostrearon previamente obtivemos resultados nos diferentes tipos de pousadoiros. Cada unha das localizacións elixidas serán xeorreferenciadas coa axuda dun GPS.
Débese ter en conta que durante a época de cría, período da alimentación dos polos, o tipo de presas capturadas diferirá ao doutras épocas do ano (Sánchez, 1991).
O número mínimo de mostras que debemos analizar por localidade é de 25-30 egagrópilas (De Castro, 1998), para asegurar que os valores de diversidade non se vexan influenciados polo tamaño da mostra. Trataremos de recoletar a totalidade de egagrópilas presentes en cada visita, para evitar a mestura das mesmas cas de períodos anteriores e posteriores.

Conservación dos restos

Cada egagrópila debe gardarse nun recipiente individual (bolsas de plástico, botes, envoltas en papel de aluminio, etc.) nos gardarémola nun sobre de papel. Débese poñer unha etiqueta con: data, lugar da recollida (pousadeiro, encima do niño, etc.), a hora da recollida, o clima dese día e si se pode o desa semana, o número de restos e ou egagrópilas atopadas, estado de conservación de las egagrópilas (moi deterioradas, recentes, etc.).
Posteriormente cada egagrópila ou grupos de egagrópilas (segundo conveña), medirase, debuxarase e fotografarase si se considera oportuno. De seguido  almacenaranse nun lugar seco, de forma que poidan secarse para o seu posterior pesado e análise.

Limpeza e separación dos restos

Mergullarase cada egagrópila nun recipiente con auga durante 10 min para que abrande. Unha vez pasado este período desfarase con axuda das pinzas e agullas, separando os restos para a súa posterior identificación. É o método máis empregado para desfacer egagrópilas e excrementos porque facilita a separación dos restos sen deterioralos.

Identificación dos restos

Neste estudo aténdese principalmente ós restos de mamíferos, pero nas egagrópilas poden aparecer restos doutros grupos animais:
Mamíferos: Cranios e mandíbulas. Utilizarase ademais para as medidas craneométricas.
Aves: Cranios, mandíbulas, úmero, esterno e coxis.
Réptiles: Cranios, mandíbulas, columnas, restos de escamas.
Arácnidos: Caparazóns, pinzas.
Insectos: Élitros, articulacións e caparazóns.

 

Situación do proxecto

Durante o ano 2006 se levou a cabo unha fase previa do estudio, procedendo a realizar a localización dos pousadoiros de curuxa dentro da comunidade galega. Unha vez localizados estes e escollidos os que máis información poderían aportar se procedeu á recollida de mostras, realizando campañas mensuais de recolección. Durante o ano 2007 se proseguiu co seguimento dos durmidoiros e a recolección das egagrópilas.

Localizáronse durante este período un total de catro pousadoiros situados nas provincias de A Coruña e de Pontevedra. Na provincia de A Coruña localizáronse dous pousadoiros, un en Vilouchada, no concello de Trazo e outro en Campelo, en Porto do Son. En Pontevedra localizáronse outras dúas zonas de mostreo, unha en Tui e outra na parroquia de Santa Mariña de Presqueiras, no concello de Forcarei. Ata o de agora soamente se puideron analizar as mostras obtidas en Tui. En total analizáronse 57 egagrópilas, nas que se identificaron un total de 222 presas, correspondentes a 9 especies de micromamíferos. Na táboa 1 móstrase a listaxe das especies presentes xunto co número de presas identificadas como pertencentes a cada unha delas e a porcentaxe que representan do total.

Táboa 1: Resultados da análise das egagrópilas recolectadas. Indícase o número de presas identificadas como pertencentes a cada unha delas e a porcentaxe que representan do  total.

Especie

Número

Porcentaje

Corta dos prados (Microtus lusitanicus)

163

73,42 %

Furaño común (Crocidura russula)

21

9,46 %

Rato do campo (Apodemus sylvaticus)

19

8,56 %

Rato caseiro (Mus domesticus)

7

3,15 %

Trilladeira dos prados (Microtus agrestis)

4

1,80 %

Rata cincenta (Rattus rattus)

3

1,35 %

Furafollas ibérico (Sorex granarius)

3

1,35 %

Murgaño de Cabrera (Neomys anomalus)

1

0,45%

Toupa ibérica (Talpa occidentalis)

1

0,45 %

Total

222

100 %

Como se pode observar, a especie predominante é a corta dos prados (Microtus lusitanicus), representando o 73,42 % das presas. Logo, en porcentaxes similares que roldan o 9 %, atopamos ao furaño común (Crocidura russula) e ao rato do campo (Apodemus sylvaticus). En porcentaxes menores atopamos ao resto de especies presentes: rato caseiro (Mus domesticus), trilladeira dos prados (Microtus agrestis), rata cincenta (Rattus rattus), furafollas ibérico (Sorex granarius), murgaño de Cabrera (Neomys anomalus) e toupa ibérica  (Talpa occidentalis). Os datos obtidos neste primeiro grupo de análises foron introducidos nunha base de datos. En futuras fases do proxecto procederase á realización de trampeo dos micromamíferos presentes nas áreas próximas á ubicación dos pousadoiros co fin de estimar as relacións predador presa en función dos micromamíferos capturados nos trampeos e os atopados nas egagrópilas. Tamén se procederá a análise dos posibles factores que favorecen a presenza dunhas ou outras especies presa nas mostras dun determinado dormidoiro. Finalmente procederase á integración da base de datos cós mapas creados mediante SIG.

Situación do proxecto

Nesta fase soamente se analizou unha pequena parte da mostra existente. Actualmente o proxecto considérase rematado, estando pendente a análise final dos datos obtidos.

Bibliografía

  • Blanco, J. C. (1998). Guía de campo de los mamíferos de España. Tomo I y II. Ed. Geoplaneta.

  • De Castro, A. (1978). Contribución al conocimiento del régimen alimenticio de la lechuza común (Tyto alba) en Galicia. Tesiña de licenciatura. Universidade de Santiago.

  • Delany, M.L. (1981). Ecología de los micromamíferos. Ed. Omega, S.A., Barcelona.

  • Mikkola, H. (1995). Rapaces nocturnas de Europa. Ed. Perfils.

  • Nores Quesada, C. (1978). Clave para la identificación de cráneos de los mamíferos ibéricos (excluídos los marinos). Servizo de publicacións da Universidade de Oviedo.

  • Peris Alvarez, S.J. e Dueñas Santero, Mª. E. (1985). Clave para los micromamíferos (insectívora y rodentia) del Centro y Sur de la Península Ibérica. Universidade de Salamanca.

  • Saint-Girons, M.C. e outros (1974). Les prois des rapaces. Doin, París.

  • Sánchez Canals, J.L. (1991). Consideraciones respecto a la utilización de egagrópilas de lechuza común (Tyto alba) para el estudio de la distribución de las poblaciones de micromamíferos. Actas do primeiro congreso galego de ornitoloxía. Universidade de Santiago de Compostela.