Distribución e selección de hábitat dos réptiles eumediterráneos en Galicia
Introdución
É un tópico xeral pensar que todo o territorio galego é de clima húmido e chuvioso e que pertence á denominada rexión eurosiberiana ou atlántica. É certo que gran parte do territorio galego presenta un clima húmido, cun verán de temperaturas suaves e con choivas frecuentes, pero outras zonas galegas presentan un verán quente e sen choivas estivais. Esta zona é a denominada rexión mediterránea. Dentro do territorio galego, a rexión mediterránea distribúese no val do río Sil, Ribadavia - cidade de Ourense, zonas baixas de Xurés-Leboreiro e val de Verín. É nestas zonas onde habitan diversas especies de réptiles de distribución mediterránea e que habitan de maneira case exclusiva nestas áreas de forte influencia térmica.
As especies obxectivos
Existen catro especies de réptiles que se distribúen principalmente na zona eumediterránea de Galicia e que comentaremos brevemente a continuación. Detallamos o nome científico latino, o galego e o castelán de cada unha das especies, así como unha breve sinopse da historia natural de cada unha delas.
Blanus cinereus, escáncer cego, culebrilla ciega.
Este pequeno réptil duns 20 a 30 centímetros de longo ten unha apariencia similar ó dunha miñoca e vive enterrado en chans areosos e facilmente excavables do val de Verín. Habita unicamente as ladeiras máis térmicas e rochosas dos vales dos ríos Támega e Vilaza, situados na comarca de Verín existindo unha exigua poboación. Está considerada como a especie de réptil galego que posúe a área de distribución máis pequena, debido a que só se atopou nunha área duns 20 km2.
Fotografía 1: Dous exemplares de Blanus cinereus. Fotos: José Martín. |
Tarentola mauritanica, ladra, salamanquesa común.
A ladra é a única especie de gecko que vive no territorio galego. Habita zonas de grandes rochas e edificios vellos (casas, muros, etc). Aínda que é un réptil, está activa de noite, achegándose ás farolas para alimentarse das avelaíñas e mosquitos que chegan o seu alcance. Podémola atopar, de maneira natural, no val de Verín. Tamén se atopan poboacións probablemente introducidas na cidade de Ourense, A Rúa e O Barco de Valdeorras (Cabana & López-Bao, 2008; Cabana, 2008b). Temos sospeitas da súa existencia nas zonas de Ribadavia, Xurés-Leboreiro e Baixa Limia que desexamos comprobar.
Fotografía 2: Exemplar de Tarentola mauritanica. Foto: Íñigo Martínez-Solano. |
Debido ós costumes que presenta a ladra, xa que vive en lugares moi antropizados, pode ser transportada accidentalmente en camións ou trens de mercadorías. Este feito tense observado en diferentes lugares como pode ser estación de tren da cidade de Ourense e a subestación eléctrica de Cartelle, Ourense, entre outros lugares. Con motivo de intentar dilucidar se os individuos de ladra atopados nas mostraxes son autóctonas ou alóctonas, realizaremos a toma de mostras xenéticas que serán enviadas ó Dr. Salvador Carranza, que conta cunha ampla experiencia en análises xenéticos de geckos europeos e norteafricanos (ver por exemplo, Carranza et al., 2002, entre outras investigacións). Estes análises xenéticos (realizados de maneira gratuíta polo Dr. Salvador Carranza e o Departament de Biologia Animal da Universitat de Barcelona) permitirannos coñecer a orixe destes individuos e determinar se son auóctonos ou non.
Chalcides bedriagai, esgonzo ibérico, eslizón ibérico.
Aínda que tamén habita as Rías Baixas, neste estudo centrarémonos en dúas poboacións situadas no mediterráneo galego. Por unha banda a situada na depresión de Ribadavia e Baixa Limia e, por outra banda, a poboación, recentemente descuberta por un membro de GEAS no ano 2007, situada no val do río Vilaza sito no concello de Oímbra dentro da comarca de Verín (Cabana, 2008a).
Fotografía 3: Exemplar de Chalcides bedriagai (poboación verinesa). Foto: Martiño Cabana. |
Psammodromus hispanicus, lagartixa cinsenta, lagartija cenicienta.
É a lagartixa máis pequena que podemos atopar na Península Ibérica e unha das menos coñecidas. En Galicia, tense citado na comarca de Verín, no Parque Natural Enciña da Lastra (Valdeorras) e nos arredores San Cibrao das Viñas, onde na actualidade se sitúa o polígono industrial da cidade de Ourense. Desexamos comprobar a supervivencia desta última poboación ourensá.
Fotografía 4: Psammodromus hispanicus (poboación de valdeorras). Foto: Martiño Cabana. |
Debemos resaltar que as citas máis recentes que existen destas especies, coa excepción dos traballos realizados ata o momento por varios socios de GEAS, son dos anos ’80. O estado destas poboacións, as súas ameazas e a súa distribución son totalmente descoñecidas neste momento. Por isto é de vital importancia o ampliar o coñecemento destas poboacións de réptiles mediterráneos para paliar os efectos da actividade humana sobre elas.
Debemos destacar que o coordinador e investigador principal deste estudo (Martiño Cabana) ven desenvolvendo nos últimos anos unha importante labor de investigación sobre estas especies o que lle permitiu alcanzar un alto coñecemento no campo dos réptiles eumediterráneos galegos, o que queda suficientemente probado coas diferentes publicacións nas que participou nos últimos tempos.
Obxectivos
Nos últimos anos, véñense realizando mostraxes por parte de diversos investigadores de GEAS para alcanzar un maior grao de coñecemento das poboacións destas especies eumediterráneas dentro do territorio galego. Como froito destas primeiras investigacións realizáronse diversas publicacións en revistas científicas (Cabana, 2008a; Cabana, 2008b).
Desexamos aumentar o esforzo de mostraxe nesta zona de Galicia, co obxectivo principal de clarificar a distribución destas especies, confirmando citas antigas e realizando mostraxes para atopar novas poboacións que pasaran desapercibidas para a comunidade científica ata o momento. Para isto, realizaranse unha serie de visitas a diferentes zonas do mediterráneo galego nas cales existan citas históricas da presenza destes animais e tamén a zonas que baixo o noso criterio e experiencia poidan ser susceptibles de manter poboacións dos réptiles eumediterráneos galegos.
Dos diferentes individuos atopados realizaremos unha toma de datos de diferentes biometrías corporais. Realizarase unha toma de datos de variables ambientais e do hábitat para así poder coñecer os diferentes hábitats nos cales viven estas especies.
Para o caso particular de Blanus cinereus realizarase un maior esforzo na análise de selección de hábitat debido os seus costumes hipoxeos que fan que sexa unha das especies máis descoñecidas dentro do territorio galego e ibérico, a pesares de ser unha das máis interesantes. Para isto, realizaremos un conxunto de análises de chan para analizar a influenza de diferentes variables edáficas na presenza ou ausencia do escáncer cego. As análises de chan consistirán nunha análise de granulometría, humidade edáfica, pH en disolución, densidade aparente, densidade real e porosidade de diferentes mostras de chan en lugares onde se detectou a presenza de Blanus cinereus comparándoas coas mostras de lugares onde non se detectou.
Situación do proxecto
O proxecto está actualmente en funcionamento. Podedes solicitar máis información escribindo a mcohyla@yahoo.es, ou ben apuntádevos ano noso foro, onde se irá avisando da evolución deste proxecto.
Bibliografía
Cabana, M., 2008a. Nuevas citas de Chalcides bedriagai (Boscá, 1880) en Galicia y referencia de su sintopía con Blanus cinereus (Vandelli, 1797). Boletín de la Asociación Herpetológica Española, 18: 67-68.
Cabana, M., 2008b. Nuevas citas de Tarentola mauritanica en Galicia: ¿especie alóctona o autóctona en la zona?. Boletín de la Asociación Herpetológica Española, en prensa.
Cabana, M. & López-Bao, J. V., 2008. Nueva cita de Tarentola mauritanica (Linnaeus, 1758) (salamanquesa común) en el noroeste de la Península Ibérica. Boletín de la Asociación Herpetológica Española, 18: 66-67.
Carranza, S.; Arnold, E.N.; Mateo, J. A. & Geniez, P. 2002. Relationships and evolution of the North African geckos, Geckonia and Tarentola (Reptilia: Gekkonidae), based on mitochondrial and nuclear DNA sequences. Molecular Phylogenetics and Evolution, 23: 244-256.