G.E.A.S.

Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes
Augadana

Estudo sobre a variación estacional da dieta de algaria (Genetta genetta) no noroeste peninsular

Introducción

Os mamíferos son o grupo de vertebrados que presenta un maior grao de dificultade no seu estudo debido, principalmente, ós hábitos nocturnos e secretos que presentan a maioría das especies. Por esto, e aínda que os mamíferos teñan unha gran cantidade de afeizoados tanto amateur coma profesionais, escasean os estudos en torno a súa ecoloxía e bioloxía.
 
Entre as diferentes temáticas que se poden estudar dentro dos vertebrados, o estudo da composición da dieta resulta de vital importancia, non só para saber de que se alimenta o animal que estudamos, senón tamén para saber quen se alimenta das diferentes especies presa. Esta reciprocidade ecolóxica resulta de grande interese para coñecer as relacións tróficas existentes nos diferentes ecosistemas.
 
Por eso, dende o Grupo para o Estudo dos Animais Salvaxes, pretendemos retomar o traballo comezado por diversos zoologos que realizaron os primeiros estudos en torno ás relacións tróficas dos vertebrados, para tentar ampliar o coñecemento científico sobre eles.
 
De tódolos carnívoros que viven no noreste peninsular, elexiuse a xeneta (Genetta genetta), debido á súa ampla distribución e ó seu comportamento de depositar os excrementos en latrinas. Isto facilita enormemente a fase de muestreo, principalmente nos estudos de variación estacional da dieta, debido a que se ten que ter unha fonte constante de excrementos ó longo do ano. Outro factor importante que nos levou a elexir a xeneta como especie de estudo é o seu amplio espectro trófico, de natureza xeralista.
 
A xeneta ten unha distribución mundial que abrangue gran parte de África, sur de Europa e Oriente Medio. A xeneta está amplamente distribuída en toda a Península Ibérica, aínda que se pensa que esta especie foi introducida na antigüidade polos árabes, que as criaban como mascotas e como cazadores de ratos nas vivendas. Na Península Ibérica, o seu hábitat fundamental son as masas forestais, sendo menos frecuente en zonas agrícolas e pasteiros.
 
Os estudos de dieta de xeneta levados a cabo en diferentes lugares da Península (Galicia, Asturias, centro da Península e Doñana) mostran que a fracción de presas máis importante ó longo do ano é a dos micromamíferos (insectivoros e roedores), existindo unha ampla diversidade de presas na fracción restante, na que aparecen lagomorfos, aves de pequeno e mediano tamaño, anfibios, réptiles, peixes, ovos, vexetais e ata restos da alimentación dos humanos.

Obxectivos

Análise da composición da dieta dos diferentes grupos familiares estudados.
Estudo da variación estacional na composición da dieta dentro de cada un dos grupos familiares así como as relacións existentes entre a dieta dos diferentes grupos familiares en función da súa localización.
Analizar cales son as posibles causas ambientais que poden repercutir nas variacións alimenticias intra e intergrupais.
Coñecemento da comunidade de presas que habitan en cada un dos lugares de muestreo.
Aprendizaxe e perfeizoamento dos métodos para alcanzar o coñecemento científico.

Metodoloxía

Recolección

A periodicidade de recolección debe ser de dous muestreos cada trimestre. Na primeira visita realizarase unha descripción do lugar onde está situado o latrina e un itinerario detallado de como chegar ata el, para que no caso de que en algunha ocasión o encargado da latrina non poida muestrear e teña que ser muestreada por outra persoa, esta non teña problemas para atopala. A esta descripción deberase añadir tamén as coordenadas xeográficas en formato UTM, altitude sobre o nivel do mar, nome do encargado da latrina e un nome abreviado e único para cada latrina.

En cada visita, cada excremento recollido será depositado nunha bolsa independente para evitar a mezcla de varios excrementos entre sí. Débese intentar recoller tódolos fragmentos do excremento e non recoller fragmentos doutros excrementos. Esto é bastante doado de facer pola diferente textura que teñen os excrementos dunha mesma latrina dependendo do día en que foi depositado pola xeneta.

Nota importante: Debido a que ó recoller as mostras de excrementos estamos influindo nun lugar moi importante para as xenetas dende o punto de vista do marcado, somentes recolleremos parte do excremento (dous tercios de cada excremento), deixando o restante tercio para o mantemento da estructura e cheiro da latrina.

En cada unha das bolsas escribirase claramente o nome abreviado da latrina, a data e o nome do recolector (non o do encargado da latrina, senón o da persoa que recolle ese día os excrementos). Outros datos como a altitude, coordenadas ou a descripción do hábitat non se poñerán.

Almacenaxe de mostras

Existen varios métodos para almacenar as mostras ata o seu posterior tratamento, aínda que só un é recomendable para o noso estudo pola súa facilidade e evita que as mostras se estropeen. Este método consiste en introducir as bolsas coas mostras perfectamente pechadas dentro dun taper-ware e éste métese dentro dun conxelador (a –18 ºC).

Banco de mostras

Periodicamente as mostras serán remitidas ó coordinador xeral para que éste proceda ó secado, pesado con báscula de precisión e almacenaxe das mostras ata que se proceda á fase de identificación das presas.

Identificación dos restos

Ó rematar a fase de muestreo realizarase unha reunión xeneral. Nesta reunión acordarase un protocolo para a identificación das mostras, previamente redactado polo coordinador xeral, e que será revisado, correxido e aceptado por tódolos colaboradores.

Situación do proxecto

Actualmente o proxecto considérase rematado, estando pendente a análise dos datos obtidos.