![]() |
Inicia sesión | Rexístrate |
![]() |
Unha das grandes problemáticas da conservación é o descoñecemento sobre as
especies. É necesario coñece para conservar. Neste sentido, e por desgracia,
o coñecemento das poboacións de mamíferos terrestres de Galicia e moi
escaso. Tanto en canto aos datos sobre distribución xeográfica como a
fenoloxía e estado de conservación da maioría das especies. Sabemos que non
partimos de cero. Ao longo os últimos 20 anos xurdiron varios proxectos,
europeos, estatais e locais que recolleron gran parte da información
existente ata o momento. Sen embargo, e sen quitarlles mérito, temos que ter
en conta que existen deficiencias na información que recollen, no grado de
dinamismo das publicacións ou na accesibilidade aos datos. Referímonos a
tres proxectos básicos:
Atlas
of European Mammals (Mitchell-Jones et al., 1999). Este é o primeiro
proxecto da Societas Europaea Mammalogia (SEM), e é o resultado de máis de
10 anos de traballo de diversos especialistas de toda Europa. Sen embargo, a
escala de traballo e moi grosa (50x50 km), o que supón unha baixa resolución
dos datos. Ademais, componse de datos antigos e inexactos.
Atlas
y Libro Rojo de los Mamíferos Terrestres de España (Palomo et al., 2007).
A Sociedade Española para a Conservación e estudo dos Mamíferos (SECEM),
tras 15 anos de traballo publicou unha primeira versión deste atlas en 2002.
Desde entón a recollida de información non foi interrompida. Sen embargo
presenta unha cobertura do territorio moi heteroxénea, dependente do número
de colaboradores de cada comunidade. Por elo conta con datos incompletos e
inexactos.
Atlas
de vertebrados terrestres de Galicia. Tomo I: Peixes, Anfibios, Réptiles e
Mamíferos. (Chouza e Cid, 1995). Documento de referencia da fauna galega
publicado en 1995 pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). E a
única publicación xeral sobre distribución dos mamíferos de Galicia. Sen
embargo, este atlas actualmente é unha obra obsoleta, con datos antigos e
inexactos.
Recollemos o testemuño do Atlas de vertebrados terrestres de Galicia da SGHN de 1995 e pretendemos actualizar e dinamizar o
Atlas dos Mamíferos de
Galicia. Somos conscientes que a sociedade ten cambiado nestes 20 anos
que nos separan desa publicación e que contemos con menos colaboradores e
posiblemente, nun inicio, unha menor cobertura. Pero contamos con que o noso
afán e ilusión se contaxie aos novos e vellos naturalistas e xuntos poidamos
levar a bo porto este novo proxecto.
Xustificación
Un atlas de distribución é basicamente un documento onde se recolle cartograficamente a localización das citas dun grupo de especies determinado nunha rexión xeográfica concreta.
É importante reseñar que un atlas sempre é unha aproximación temporal á distribución das especies, que require ser revisado de forma case permanente, e suxeito sempre a ampliacións, principalmente porque está condicionado polo carácter dinámico e variable no tempo da estrutura espacial das poboacións.
Os mamíferos son un grupo difícil de observar e estudar, e, xa que logo, pouco coñecido. A pesar disto,nos últimos anos mellorou o coñecemento das técnicas, e aumentou o numero de interesados neste grupo.
Como consecuencia disto, as citas que serven para elaborar un atlas sobre estas especies son de orixes diversas. Unha parte proceden de rastros, excrementos ou restos de alimentación; outras de animais cazados ou atropelados, e de moitos podemos atopar os seus restos en egagrópilas e excrementos dos seus depredadores. Asemade existen numerosos informes científico-técnicos, relatorios, coleccións de museo e publicacións que deberán de revisarse para a obtención de dados inéditos.
Obxectivos
O noso obxectivo principal é proporcionar a
científicos, xestores, conservacionistas, naturalistas e público interesado
en xeral unha ferramenta de base coa que aproximarse ao coñecemento da
mastofauna da comunidade. E como obxectivos concretos podemos enumerar os
seguintes:
a)
Establecer na medida do posible a
distribución espacial das especies de mamíferos presentes na Comunidade.
b)
Identificar posibles áreas e hábitats de
especial interese para a conservación dos mamíferos en Galicia.
c)
Identificar áreas con problemas na
conservación dos mamíferos, así como as posibles causas de devanditos
problemas.
d)
A medio-longo prazo, establecer tendencias
poboacionais das especies.
e)
Identificar variables climatolóxicas e de
hábitat que afecten á distribución das especies.
Que
especies incluímos?
Una Atlas dos Mamíferos de Galicia debe incluír a todos os mamíferos da nosa Comunidade. Sen embargo, os nosos esforzos céntranse nas especies de mamíferos terrestres non voadores.
E por que o facemos así? Por que dende fai xa moitos anos varias asociacións se dedican a recoller información dalgúns grupos de mamíferos en especial. Tal é o caso de Drosera co Atlas de Morcegos de Galicia ou a CEMMA, destinada a recoller datos de varamentos e avistamentos de cetáceos.
Por ese motivo excluímos a estes grandes grupos das nosas especies obxectivo, evitando a duplicidade dos datos. Pero non nos esquecemos deles. Nun futuro integraremos toda esta información nun atlas común.
De todos modos, se pola túa comodidade prefires enviarnos estes datos, nós nos encargaremos de remitirllos a quen corresponda.
Área xeográfica e período de estudo
A área xeográfica que inclúe o Atlas dos Mamíferos de Galicia comprende tanto o territorio continental como as illas
da Comunidade galega. Aínda que a nivel biolóxico os límites administrativos
carecen de significado, son os máis frecuentes neste tipo de estudo por
motivos loxísticos evidentes. Por isto decidimos incluír tamén os datos que
se poidan obter correspondentes aos municipios limítrofes pertencentes a
Portugal e ás Comunidades Autónomas de Asturias e Castela e León.
O Atlas dos Mamíferos Galicia pretende ser un atlas dinámico, que acumule información a longo prazo, polo que non se establece una data concreta de finalización na toma de datos. É importante remarcar o carácter a longo prazo deste proxecto. Por outra banda, preténdese ir actualizando a información de distribución de especies a medida que estas vaian acumulando rexistros.
Metodoloxía e formato das citas
Queremos facilitar na medida do posible o envío de datos por parte dos colaboradores. Por este motivo ofrecemos distintas formas para achegarnos esa información.
![]() |
A principal ferramenta que desenvolvemos ao caso é un formulario online, co cal nos podes mandar novas citas directamente dende a web. Para poder introducir datos deberedes estar rexistrados. No formulario atoparedes distintas opcións de entrada dos datos das localizacións (Lugar, UTM, coordenadas). Para coñecer as UTM das vosas localizacións podedes buscar no mapa. |
![]() |
Ademais desenvolvemos un sinxelo formulario en formato Excel para rexistrar datos en bloque e logo envialos por correo electrónico a atmaga@grupogeas.org. Os que teñades un gran volume de datos poderedes introducilos neste excel e logo envialo por correo electrónico. |
![]() |
Para os máis clásicos atoparedes unha ficha en pdf para a toma de datos. Logo podedes pasar os datos a Excel ou envialos escaneados por correo electrónico a atmaga@grupogeas.org. Os que teñades un gran volume de datos poderedes introducilos neste excel e logo envialo por correo electrónico. |
![]() |
Para os máis tecnolóxicos desenvolvemos unha aplicación co programa CyberTracker para a toma de datos dende o noso móbil. En breve subiremos un manual para o seu uso e instalación. |
Os datos dos que debe constar cada cita son:
Ademais de todos estes datos sobre as citas, en cada
envío incluiranse os datos persoais dos observadores, isto é: nome e
apelidos, teléfono e dirección de correo
electrónico, a fin de poder contactar con eles en caso de ser necesario
comprobar algunha cita ou pedir máis detalles sobre algún dato en concreto.
Cabe resaltar que é tan importante a información sobre
especies raras ou ameazadas como a de especies comúns. Tal é o caso que en
ocasións se dispón de máis información de especies escasas ou de
distribución restrinxida en lugar das máis xeralistas e comúns (raposo,
coello, ratas, etc.)
Fichas das especies
Publicarase unha ficha de cada unha das especies
recollidas no Atlas. En cada unha delas aparecerá un mapa coa distribución
actualizada cos datos recolleitos, así como información taxonómica,
fenolóxica, morfolóxica e ecolóxica da especie en cuestión. Para a redacción
dos textos sobre cada especie buscarase a colaboración de expertos en cada
especie, sempre que sexa posible, a fin de que toda a información reflectida
teña o maior rigor científico.
E co tempo a nosa idea é chegar a facer unha publicación que inclúa a maior información posible sobre estas especies.
Colabora no proxecto
Se vos queredes inscribir como colaboradores do atlas, aínda que non é imprescindible, podedes mandar un correo a atmaga@grupogeas.org. Cada certo tempo iremos avisando aos colaboradores para que nos envíen os datos. Se vos rexistrades na web para a entrada dos datos tamén pasaredes ao correo de distribución do Atlas dos Mamíferos de Galicia.