G.E.A.S.

Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes
Atlas Hosting por dinahosting.
Dinahosting
 

Rede de Seguimento de Anfibios e Réptiles de Galicia  - SARGA

Introdución

Os anfibios e réptiles están sufrindo unha diminución das súas poboacións a escala global e as extincións locais son abundantes, aínda que moitas veces se descoñecen as causas destas. Realizar unha recollida exhaustiva e prolongada de datos de campo é a única maneira de poder avaliar o estado xeral das poboacións de anfibios e réptiles, e a súa evolución no tempo. Só cun coñecemento real da dinámica poboacional se poden determinar as causas principais dos declives e plantexar medidas eficaces para protexer as especies ameazadas.

Neste proxecto pretendemos realizar un inventariado detallado de diferentes localidades susceptibles de recoller poboacións de anfibios e réptiles. A partir desta base de datos poderemos facer un seguimento das poboacións de anfibios e réptiles e poder detectar cambios nas poboacións, así como determinar, dunha maneira científica e fiable, se estas variacións poboacionais son debidas á intervención humana.

Estes estudos presentan a importancia de ser o único medio para cuantificar o estado de conservación das poboacións de anfibios e réptiles, así como para coñecer as causas destas diminucións e as accións que poden ser levadas a cabo para evitar este deterioro ambiental.

Obxectivos

O obxectivo fundamental deste proxecto é o establecemento dunha rede de seguimento de anfibios e réptiles dentro do territorio de Galicia. O establecemento desta rede de seguimento permitiranos coñecer o estado actual das poboacións de hérpetos galegos, así como detectar posibles variacións non naturais nas súas poboacións e determinar cales son os factores que producen estes cambios poboacionais.

  • Establecer unha rede de seguimento de anfibios e réptiles en Galicia.

  • Crear un tecido organizado de voluntarios e profesionais para o mantemento desta rede ó longo do tempo.

  • Coñecer o estado de conservación dos hérpetos galegos.

  • Determinar as tendencias poboacionais dos anfibios e réptiles de Galicia.

  • Establecer as ameazas que provocan as variacións poboacionais anteriormente comentadas.

  • Determinar o estado de conservación dos hábitats de Galicia mediante o uso do anfibios e réptiles como bioindicadores da súa saúde medioambiental.

  • Aumentar o grao de coñecementos dos anfibios e réptiles que habitan o noso país.

Material e métodos

Realizaranse un conxunto de mostraxes en diferentes lugares adecuados para a existencia de poboacións de anfibios e réptiles. Estes lugares dividiranse en terrestres (onde serán máis abundantes os réptiles e os anfibios en fase terrestre) e acuáticos (onde serán máis abundante os anfibios en reprodución e as cobras de auga do xénero Natrix, eminentemente acuáticas).

En cada punto de mostraxe tomaranse unha ampla cantidade de datos como poden ser as características do hábitat, a meteoroloxía, a localización do lugar mostrexado, etc. Tamén se anotará calquera tipo de ameaza que detectemos. Realizaranse unha serie de fotografías útiles para constatar o estado de conservación do hábitat ó longo do tempo.

Ademais, realizarase unha busca intensiva en calquera lugar susceptible de haber anfibios ou réptiles (na auga, baixo pedras ou troncos, etc). Anotaranse as especies atopadas, así como a idade e sexo de cada un dos individuos atopados.

Os datos obtidos na fase de mostraxe serán analizados mediante un estudio estatístico pormenorizado. Tamén se analizarán os datos para determinar a preferencia de hábitat das diferentes especies de anfibios e réptiles detectadas, así como as diferentes técnicas utilizadas na mostraxe para determinar cal delas é a máis adecuada para cada especie e idade.

Elección das cuadrículas a mostrear 

Elección da cuadrícula

Para a realización das mostraxes cada colaborador debe escoller unha ou varias cuadrículas UTM 10x10 km de Galicia que non estea xa ocupada. A partir deste momento esta cuadrícula pasará a ser mostreada por este colaborador e será retirada do listado de cuadrículas dispoñibles para outras persoas. A elección desta cuadrícula é libre para os voluntarios, podendo elixir calquera zona de Galicia non ocupada por outra persoa en función do grao de coñecemento que teñan da zona, afección pola comunidade herpetolóxica que exista nela ou da súa proximidade á súa residencia ou lugar de vacacións.

Confirmación co coordinador xeral

Sen embargo, o voluntario debe poñerse en contacto co coordinador xeral para concretar a cuadrícula elixida, xa que pode ser máis interesante o seguimento dunha cuadrícula contigua á inicialmente elixida debido a que presente unha comunidade herpetolóxica máis interesante (existencia de especies de distribución limitada, endémicas ou ameazadas), hábitats de maior importancia ou graos de ameaza dos cales sexa interesante realizar un seguimento a longo prazo. Ademais, o coordinador do proxecto pode aconsellar o colaborador sobre as potencialidades da cuadrícula e os tipos de mostraxe que deberían ser levados a cabo nela. Por outra banda, o coordinador do proxecto estará a disposición de tódolos colaboradores para resolver calquera dúbida ou cuestión que lles poida xurdir.

Permanencia no tempo

Debido a que este proxecto debe gran parte da súa importancia á realización das mostraxes ó longo de varios anos, agradecerase que o seguimento da cuadrícula elixida se desenvolva por un período longo de tempo. Sen embargo, a realización dunha campaña de mostraxes non obriga a seguir o proxecto durante máis anos, aínda que estes datos terán unha maior utilidade se o seguimento se realiza durante un período de tempo longo.

Introdución ás mostraxes

Época de mostraxe

As mostraxes deben ser realizadas nas datas do ano de maior actividade das especies que podemos atopar na zona. Estas datas de mostraxe débense manter en anos sucesivos, aínda que se deben de ter en conta as variacións meteorolóxicas para detectar as especie no mesmo momento fenolóxico e pico de actividade. Por exemplo, a ra vermella (Rana temporaria) reprodúcese habitualmente durante o Nadal (finais de decembro e principios de xaneiro) na zona central de Lugo; sen embargo, no ano 2008 a falta de choivas e un frío excesivo retrasou as postas ata finais de xaneiro e principios de febreiro (un mes máis tarde). Estas variacións anuais deben terse en conta. O coordinador do SARGA fará unas recomendacións sobre as épocas de mostraxe aínda que é o colaborador o encargado de concretar estas datas en función da súa dispoñibilidade e o coñecemento da fenoloxía das diferentes especies na zona estudada.

Caracterización do hábitat

O colaborador, dentro da súa cuadrícula asignada, deberá caracterizar os distintos hábitats existentes para poder determinar os que son máis abundantes ou de maior interese herpetolóxico e que deberían ser mostreados. Debemos indicar que a cuadrícula é a unidade xeográfica deste proxecto, é dicir, que as mostraxes dunha determinada cuadrícula deben aterse exclusivamente a ela. Sen embargo, o tratamento dos datos será realizado sobre cada charca ou regato mostreado ou con cada transecto realizado.

Número de mostreadores

As mostraxes deben ser realizadas por unha soa persoa, non estando permitido que dúas ou máis persoas fagan estas mostraxes. Sen embargo, pode acompañarnos calquera persoa durante as mostraxes sempre que se teña en conta que esta persoa non debe influír na detectabilidade dos hérpetos (p. ex. escorrentándoos, levantando pedras, etc) e os seus datos non poden terse en conta. Así, asegurámonos que as mostraxes realizadas en diferentes cuadrículas teñan o mesmo esforzo.

Fidelidade ás mostraxes

Os diferentes tipos de mostraxe deben ser levados a cabo seguindo estritamente as instrucións proporcionadas polo SARGA e cubrindo os formularios e bases de datos que este proxecto pon a disposición dos seus colaboradores.

Material necesario

Para a realización de cada mostraxe, o colaborador debe levar ó campo un mapa a escala 1:50.000 e unha serie de fichas necesarias para a toma de datos que o SARGA poñerá a disposición do voluntario no momento de confirmar a realización da súa cuadrícula. Para realizar as mostraxes non é necesario ter unha gran cantidade de material. En tódalas mostraxes é necesario ter un reloxo e un termómetro, e para algunha das mostraxes tamén pode ser necesario levar algún outro material (lanterna ou redes). Recoméndase levar tódolos mapas da zona que se poidan conseguir e, ademais, de ser posible, é conveniente a utilización dun terminal GPS.

Tipos de mostraxes para anfibios

Para coñecer os protocolos de traballo de cada un dos tipos de mostreo descargade a Metodoloxía completa da Rede de Seguimento de Anfibios e Réptiles de Galicia.

Introdución

Dentro desta rede de seguimento existen catro métodos de mostraxe para anfibios que poden ser usados dunha maneira variable. Podemos usar un, dous, tres ou catro métodos de mostraxe para a cuadrícula que temos asignada en función dos diferentes tipos de hábitat existentes ou do noso nivel de implicación. A única condición é manter os mesmos tipos de mostraxes e nos mesmos lugares ó longo do tempo. Os distintos tipos de mostraxes do SARGA teñen asignados un nome de xénero de anfibio (p. ex. Triturus para a mostraxe de charcas ou Chioglossa para a mostraxe de regatos).
Dividiremos os tipos de mostraxe en función de se se realizan polo día ou, pola contra, son mostraxes nocturnas. As mostraxes nocturnas están destinadas á busca de exemplares adultos, e non é necesaria a posesión dun permiso de manexo de fauna. Pola contra, as mostraxes diurnas están orientadas á busca de larvas e postas, realízanse polo día e é necesario a posesión dun permiso de manexo de fauna, xa que se deben capturar as larvas existentes nas charcas ou regatos para a súa identificación e conteo. Sen embargo, e desde a organización do SARGA o voluntario só ten que indicarnos os seus datos en un breve período de tempo este permiso chegaralle á súa casa de maneira rápida e gratuíta.
Debemos indicar que dous ou máis tipos de mostraxe poden ter unha ou varias charcas en común, é dicir, que unha mesma charca pode ser mostrexada usando varios métodos. En cada un destes métodos de mostraxe detectaremos de diferente maneira os distintos estadios das especies que existen nesta masa de auga.

Periodicidade e calendarios das mostraxes de anfibios

Dentro de cada tipo de mostraxe realizaranse un número mínimos de dúas visitas ó ano. Estas visitas deberán estar distanciadas no tempo por un mínimo de 15 días.
En función do tipo de mostraxe e as especies obxectivo do seguimento, os meses de mostraxe variarán. Así, se queremos facer un seguimento sobre as poboacións da ra vermella (Rana temporaria) na costa norte da Coruña seguindo o método de busca de postas, débese realizar a primeira mostraxe no mes de xaneiro (Galán, 2008). Pola contra, se o queremos facer nas zonas máis altas dos Ancares lucenses teremos que realizar as mostraxes no meses de marzo-abril (Cabana, inédito). Pola contra, se o noso obxectivo é facer seguimento sobre as poboacións das especies de ras e sapos adultos utilizando escoitas nocturnas debemos centrarnos nos meses de marzo a maio, en función da zona a mostrear.
O coordinador xeral do proxecto poñerá a disposición de cada colaborador una estima dos períodos nos cales se debe realizar cada mostraxe en función da zona elixida polo colaborador. Estes períodos son orientativos e é o voluntario o que debe concretalos en función do seu coñecemento da zona, da meteoroloxía e da súa dispoñibilidade.

Seguridade

Debemos prestar unha importante atención á seguridade durante a realización das mostraxes. Así, para a realización das mostraxes nocturnas prégase que se utilice un chaleco reflectante, en especial nas mostraxes de transectos nocturnos a pé. Para os transectos en coche recoméndase o uso das luces de emerxencia.

Mostraxes nocturnas

As mostraxes nocturnas están enfocadas ó censo de adultos activos durante a noite. Para a realización deste tipo de mostraxe non é necesario ter un permiso de manexo de fauna expedido pola Administración. As mostraxes comezarán a realizarse no momento en que non haxa luz solar, o cal se produce unha hora despois do solpor. As mostraxes deben rematarse antes de catro horas desde o solpor. A hora de solpor pódese consultar na páxina de predición meteorolóxica do xornal.

Transectos nocturnos (Salamandra)

A maioría dos adultos de anfibios teñen uns costumes nocturnos polo que pasan desapercibidos se se realizan unicamente mostraxes diurnas. A mellor maneira para facer un seguimento da maioría das especies de anfibios en estadio adulto é a realización de transectos en camiños ou estradas secundarias que presenten un baixo tráfico de vehículos durante a noite.

Cantos de anuros (Hyla)

Tódalas especies de ras e sapos de Galicia teñen a capacidade de emitir vocalizacións que usan para marcar o seu territorio e/ou atraer unha femia (ou varias, se poden). Sen embargo, soamente algunhas delas son o suficientemente fortes e frecuentes como para realizar mostraxes usando este canto que soamente realizan os machos. Esta metodoloxía úsase noutras zonas do mundo (Estados Unidos, Sudamérica) con moito éxito. Dentro do Estado Español realízase anualmente unha serie de mostraxes nocturnas de cantos para a determinación do estatus poboacional das aves nocturnas a través do programa NOCTUA de SEO/BirdLife. O método que o SARGA propón é similar ó realizado nestes proxectos.

Mostraxes diurnos

As mostraxes diurnas están enfocadas ó censo de larvas e postas durante o día. Para a realización deste tipo de mostraxe é necesario ter un permiso de manexo de fauna expedido pola Consellería de Medio Ambiente. O coordinador do proxecto realizará tódalas xestións coa devandita Consellería, e o colaborador recibirá o permiso no enderezo postal que nos remita no prazo de tempo máis breve posible.

Mostraxe de charcas (Triturus)

As lagoas, charcas, fontes e outras masas de auga son un hábitat de enorme importancia para os anfibios. Os tritóns (xéneros Triturus e Lissotriton), a ra verde (Pelophylax perezi) ou a ra de San Antón (Hyla arborea) pasan gran parte do seu período de actividade en charcas de tamaño variable. Outras especies como poden ser os sapos (xénero Bufo) ou a ra vermella (Rana temporaria) achéganse a estas masas de auga para buscar parella, reproducirse e que a súa descendencia se desenvolva. Por isto, durante as mostraxes de charcas centrarémonos na busca de adultos, postas e larvas dos anfibios que habitan a nosa charca.

Mostraxe de regatos (Chioglossa)

En realidade a metodoloxía é similar á mostraxe de charcas, porén, a alta cantidade de regatos que atravesan o noso país e a importancia destes sobre algunhas especies de anfibios fai que este tipo de mostraxe deba ter unha ampla difusión no territorio galego.
Dúas son as especies de anfibios que habitan principalmente neste tipo de hábitat, a ra patilonga (Rana iberica) e a saramaganta (Chioglossa lusitanica). A primeira pode ser o anfibios máis abundante da nosa terra, sendo a segunda unha xoia da nosa natureza, e que debido ás súas características fisiolóxicas sofre unha constante ameaza das súas poboacións.

Tipos de mostraxes para réptiles

Para coñecer os protocolos de traballo de cada un dos tipos de mostreo descargade a Metodoloxía completa da Rede de Seguimento de Anfibios e Réptiles de Galicia.

Elección da zona

Dentro da cuadrícula asignada, o colaborador debe determinar un mínimo de tres zonas o suficientemente distanciadas entre si para realizar en cada unha delas un percorrido para a busca de réptiles. Estas zonas deben ser representativas dos hábitats xerais existentes na cuadrícula (como xa se expuxo anteriormente), aínda que se poden realizar percorridos en hábitats de pouca extensión no caso de que o seu interese, tanto herpetolóxico como ambiental, así o considera o colaborador.

Transectos de réptiles (Lacerta)

Os réptiles son un grupo de animais que, a diferenza dos anfibios, soportan una menor taxa de ameazas e molestias. Con todo, a elevada frecuencia e abundancia destas ameazas no medio tamén produce un efecto moi prexudicial para estas especies. Por iso consideramos moi importante que a rede de seguimento que aquí presentamos tamén determine as variación poboacionais dos réptiles e as posibles causas que as provocan.

Toma de datos

Fichas de mostraxe

Para cada tipo de mostraxe existe unha ficha específica para a toma dos datos obtidos durante a realización do traballo de campo. Estas fichas presentan unha serie de celas que deben ser cubertos cando proceda. A falta dalgún dos datos invalidará gran parte da mostraxe. Débese cubrir unha ficha por cada tipo de mostraxe no día en que se realice. Así, se realizamos dúas visitas a un conxunto de charcas segundo o método Triturus, ó final do ano debe haber dúas fichas de mostraxe e unha ficha hábitat.
Dentro de cada ficha existen unha serie de campos estandarizados que deben ser cubertos seguindo estritamente os códigos situados na parte inferior de cada ficha de campo.

Base de datos

Poñerase á disposición dos colaboradores unha base de datos que lle permita introducir os datos obtidos nos traballos de campo. Esta base permitirá a informatización das mostraxes dunha maneira doada. O mesmo que nas fichas de campo, na base de datos débense cubrir as diferentes celas necesarias para a inclusión de tódolos datos obtidos durante a fase de mostraxe.

Libreta de campo electrónica

Neste momento estase a desenvolver un formulario de libreta de campo mediante o software CyberTracker e que estará a disposición de tódolos voluntarios para a toma da información obtida nas mostraxes evitando que esta se tome en formato papel, o que evita a necesidade de ter que transcribir toda a información obtida a unha base de datos de maneira manual.

Mapas

O coordinador xeral do SARGA, logo da confirmación da cuadrícula asignada ó colaborador, mandaralle a este un mapa a escala 1:50.000 da súa zona. Este mapa debe usarse para localizar os diferentes puntos de mostraxe e dos transectos realizados. Para cada tipo de mostraxe débense tomar os seguintes datos no mapa:

  • Salamandra: marcar os percorridos realizados.

  • Hyla: marcar os puntos de escoita.

  • Triturus: marcar as charcas mostreadas.

  • Chioglossa: marcar o regato mostreado e os puntos de rede/coador.

  • Lacerta: marcar os percorridos realizados.

Cartografía dixital

Promoveremos a creación dunha cartografía dixital dos percorridos e puntos de mostraxe realizados. Nestes momentos iniciais estase a estudar a forma máis eficaz e doada de realizar esta dixitalización.

Situación do proxecto

O proxecto está actualmente en funcionamento. Podes obter máis información sobre o proxecto escribindo ao correo mcohyla@yahoo.es. Podes tamén descargarte dende aquí so seguintes arquivos: